Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022
A Xunta de Galicia inicia a execución do proxecto EmpregAL cuxo principal obxectivo é contribuír á reinserción laboral de traballadores do sector do aluminio
O proxecto conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros cofinanciados polo FEAG (Fondo Europeo de Adaptación á Globalización para Traballadores despedidos)
O proxecto FEAG-EmpregAL celebra a primeira reunión previa á execución efectiva do mesmo entre a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e os interlocutores sociais máis representativos do sector do aluminio (CIG, UGT, CCOO e Asime) que xestionarán o programa nos próximos meses.
A Xunta e os interlocutores sociais reuníronse esta semana para definir o ítem a seguir na execución das actividades que conforman o programa entre as que se atopan a acollida e diagnóstico inicial, consistente na realización de sesións individuais ou grupais para a presentación do proxecto e a sinatura de adhesión ao mesmo; a orientación, mediante a cal se realizará un asesoramento individualizado tratando de facilitar a recolocación no mercado laboral e a activación profesional do persoal beneficiario do programa a través de técnicas e estratexias asociadas á busca activa de emprego; a formación, ferramenta fundamental para proporcionar ás persoas usuarias cursos grupais e individualizados adaptados ás súas necesidades e características particulares de forma que poidan ampliar os seus coñecementos e se favoreza a súa reinserción no mundo laboral.
Para iso, impulsaranse determinadas medidas encamiñadas á recolocación do persoal despedido, tales como: crear un itinerario de inserción laboral personalizado, facilitar o coñecemento de novas técnicas e estratexias asociadas á busca activa de emprego, mostrar iniciativas emprendedoras sobre a creación de empresas, asesorar na acreditación de experiencia e coñecementos adquiridos, proporcionar formación especializada e innovadora, favorecer a participación activa no proxecto mediante incentivos económicos e proporcionar acompañamento persoal ata a reinserción no mercado.
Estas medidas tratarán de dar resposta aos obxectivos do programa de forma que se promova a especialización competitiva, se facilite a reinserción efectiva, se repercuta na xeración de postos de traballo máis cualificados e se dea resposta urxente ao impacto socio-laboral ocasionado no sector.
Incentivos económicos e bolsas
Co fin de favorecer a participación activa das persoas usuarias no programa e cubrir os gastos nos que poidan incorrer, deseñouse un programa de incentivos no que ademais se inclúen bolsas de desprazamento, incentivos á inserción laboral por conta allea, incentivos para o fomento do autoemprego así como incentivos para a conciliación.
O proxecto, destinado principalmente á reinserción laboral de 303 persoas despedidas pertencentes ao sector do aluminio, é cofinanciado polo FEAG nun 85% e conta cun orzamento de 1.500.000,00 € para tres anualidades (2023-2024-2025).