Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023
O 77% das persoas beneficiarias do proxecto FEAG empregAL adheríronse ao plan de medidas
Máis da metade das persoas adheridas ao proxecto participaron en programas de formación
O proxecto FEAG-EmpregAL presenta o seu primeiro informe de resultados relativo ao primeiro ano de execución do proxecto. A xestión do programa entre a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e os interlocutores sociais máis representativos do sector do aluminio (CIG, UGT, CCOO e Asime) tivo unha gran acollida entre o persoal despedido por Alu Ibérica en 2022.
Para iso, puxéronse en marcha diferentes accións encamiñadas á recolocación de dito persoal. Por unha parte, a acollida e diagnóstico inicial, consistente na realización de sesións individuais ou grupais para a presentación do proxecto e a sinatura de adhesión ao mesmo. Nesta primeira fase adheríronse un total de 232 persoas mediante chamadas telefónicas, sesións en liña, eventos presenciais, etc.
Por outra parte, no que respecta á actividade de orientación, mediante a cal se realiza un asesoramento individualizado tratando de facilitar a recolocación no mercado laboral e a activación profesional do persoal beneficiario do programa a través de técnicas e estratexias asociadas á busca activa de emprego, participaron un total de 192 persoas das cales 7 foron orientadas en autoemprego.
Por último, no que respecta á formación, ferramenta fundamental para proporcionar ás persoas usuarias cursos grupais e individualizados adaptados ás súas necesidades e características particulares de forma que poidan ampliar os seus coñecementos e se favoreza a súa reinserción no mundo laboral, participou o 54% das persoas adheridas ao proxecto. De elas, máis de 80 persoas realizaron formación transversal consistente en cursos de Ofimática, Excel, Inglés, Manexo de Ponte Grúa, Grúa Torre, Manexo de Plataforma elevadora, PRL, etc.
Do total de persoas que cursaron formación, 23 participaron en formación especializada dentro do sector do aluminio (Autocad, Soldadura, Fabricación aditiva, etc.) e 50 participaron en formación de recualificación fóra do sector (Bootcamp, Hidróxeno verde, Gases fluorados, Operador de drons, etc.). En total, durante a anualidade 2023, impartíronse 102 accións formativas.
Todas estas accións están encamiñadas a lograr a consecución dos obxectivos definidos no programa como son a promoción da especialización competitiva, facilitar a reinserción efectiva, repercutir na xeración de postos de traballo máis cualificados e dar resposta urxente ao impacto socio-laboral ocasionado no sector.
Apoios económicos para as persoas beneficiarias
Co fin de favorecer a participación activa das persoas usuarias no programa e cubrir os seus gastos, o proxecto conta cun programa de incentivos no que ademais se inclúen bolsas de desprazamento, incentivos á inserción laboral por conta allea, incentivos para o fomento do autoemprego así como incentivos para a conciliación. Ao longo de 2023, máis de 100 persoas percibiron o incentivo de participación activa ou de bolsa de desprazamento.
O proxecto está cofinanciado nun 85% polo Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG)